Consolade o meu pobo, daille agarimo,
non lle dá ben o pranto, dádelle mimo,
non lle dá ben o loito, dádelle riso.
A redención que agarda vén co pan trigo,
o pan novo da vida vén de camiño.
Chega a nós o arrecendo, hai que dicirllo,
dun pan novo no forno, é Xesucristo.
El dá aruxo ós enfermos, xira ó vencido,
alegría ós humildes, pulo ó cativo.
Preparade unha festa con algorío,
amañádelle a mesa, vén o Pan Vivo.
Moitos mozos e mozas traen o viño,
moitos vellos e vellas o mal sufrido,
moitos nenos e nenas, sol e sorriso,
todo o pobo galego vén do esgarrío
a unha festa chamados por Xesucristo.